BODEGAS LOEDA INICIA O CICLO ‘CATA A ARTE’ EN OURENSE

Bodegas Loeda deu onte o pistoletazo de saída á quinta edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación dos seus viños brancos Catro Parroquias, un monovarietal de Treixadura, e Viña Leda, elaborado con Treixadura e Torrontés, acompañada da maxia, ilusionismo e o bo humor do Mago Deimiasí como de bocados gastronómicos preparados para a ocasión. O evento tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense nunha sesión moi divertida onde a maxia fluiu entre os máis de 100 participantes e os seus sorrisos.

Nesta quinta edición continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia.Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

O mago Deimi ofreceu un espectáculo de maxia moi variada con moito dinamismo e estilo cómico e desenfadado. Realilzou moitos xogos de diversas disciplinas da maxia: cartomaxia, escapismo, mentalismo, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións… Todo acompañado de moi bo humor, música de fondo para marcar o ritmo da maxia e a participación activa do público.

 

Viño e arte

O ciclo celebrarase durante os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 8 ata o 29 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais.

O vindeiro 15 de novembro será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará os seus viños Alberte Doble Lías e Alberte ao son da música do ourensánDiego Nóvoa. O 22 de novembro continuaremos coa cata de Adegas Celme que presentarán os viños Celme de Pena Bicada (branco) e Celme do Souto (tinto), arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man daCompañía #2 do Teatro Permanente. E para rematar esta quinta edición, o broche final poñerao o 29 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo, en versión ligth, de L’Appetite Mort.