O Concello de Sober celebrou hoxe o día grande da XLV Feira do Viño de Amandi, coa asistencia de centos de persoas.

O pregón correu a cargo de Lucía Pérez, cantante natural do Incio,  o Concello homenaxeado na Feira deste ano.
Os viños gañadores da edición deste ano foron:
Tinto xoven (son os tres gañadores):
– Cividade Mencía (Adega Cividade)

– Coronin’24 (A Carqueixa)

– Romeo Domain’24 (Adega Gullufre)

Mellor branco xoven:
Don Nilo’24 (Adega Tear)

Mellor rosado xoven:
Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo)

Mellor tinto barrica:
Prómine Barrica’23 (Adega A Petrón)

Mellor viño doutras colleitas:
Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum)

Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o murciano Rubén Lucas García.
Na súa intervención, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que este ano na Feira, coa que “Sober rende homenaxe ás mulleres e homes que co seu traballo diario sacan adiante una nova colleita, puidemos compartir o viño coa paisaxe facendo realidade na praza do Concello o slogan do Consello Regular da D.O. Ribeira Sacra: O sabor dunha paisaxe”.

O alcalde defendeu que “a implicación colectiva de administracións e veciñanza fará que a ansiada declaración da candidatura ‘A paisaxe da auga da Ribeira Sacra’ a Patrimonio da Humanidade (a única de España en tres anos) sexa unha realidade en poucos meses”.

Fernández Guitián lembrou que a primeira Feira do Viño de Amandi celebrada hai 45 anos “trouxo consigo un importante incremento na valoración dos viños desta subzona da Ribeira Sacra”, pero tamén “a recuperación da Olería de Gundivós”. Así o explicou en recordo de Obdulia Rodríguez, Lula de Campoverde, que “hai 45 anos fixo un par de fornadas para traer cacharros á feira” e que “faleceu hai poucos meses”. Tamén Alonso, Agapito, Ventura e Federico volveron á feira, pero “de non ter sido pola primeira Feira do Viño de Amandi, hoxe posiblemente esta tradición ancestral estivera unicamente no recordo”.

Pola súa banda, Lucía Pérez, fixo alusión á Terra Brava de Ánxel Fole para explicar «que é realmente simbólico e ten un gran paralelismo coas terras de Amandi, pois a tradición vitivinícola en Amandi e Sober está moi vinculada a esa terra dura, brava, difícil e agreste, pero á vez única e de moita forza. Esa forza da terra reflictese, sen ningunha dúbida, na vosa autenticidade».
Referiuse a Sober como «un pobo aberto ao mundo» e tivo palabras de recoñecemento para «as mulleres coñecidas e anónimas, as mulleres que todos e todas levamos na nosa pel e que ben merecen unha canción», como as adegueiras, a abadesa de Lobios a explotación gandeira López Lampaza, dirixida por mulleres ou a centenaria Lola da Pena de Gundivós, que fai 111 anos este mes.
Por último, agradeceu que o Concello de Sober sexa «un pobo xeneroso cos artistas da terra, dando as primeiras oportunidades» tan importantes nas carreiras dos artistas.

O Concello homenaxeado na Feira deste ano foi O Incio, representado polo seu alcalde, Héctor Corujo e varios membros da Corporación.