A directora xeral de Comercio, acompañada do xerente de Galicia Calidade, entregou o recoñecemento a esta empresa familiar
Esta marca de garantía suma xa máis de 300 produtos certificados e 72 empresas diferentes, cunha forte presenza no sector alimentario
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregou hoxe en Celanova (Ourense) o certificado de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa Quesos Feijoo. A compañía pode a partir de agora incluír este recoñecemento na súa etiquetaxe para o queixo certificado pola Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.) Queixo de Tetilla.
Coa incorporación desta nova compañía, Galicia Calidade conta na actualidade con queixos de tres denominacións de orixe protexida: Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa. O certificado de uso, con validez para os próximos tres anos, permitirá a Quesos Feijoo incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que leve a cabo. A directora xeral de Comercio subliñou no acto de entrega a aposta pola calidade das empresas galegas como estratexia para poder competir nos mercados máis esixentes. Tamén destacou que este esforzo contribúe a reforzar a economía galega, xa que transmite no exterior unha maneira diferente de traballar en Galicia, o compromiso co esforzo, o respecto pola tradición e a aposta pola innovación.
Calidade e tradición
Quesos Feijoo, durante máis de sete décadas e tras catro xeracións, segue a elaborar queixos de forma tradicional. Creada en 1949, mantén os valores da súa fundadora, Talita Hierro García, que empezou a fabricar o queixo do país coas premisas da calidade, artesanía e tradición. Actualmente, a empresa está consolidada en España e busca afianzarse en países como México, Portugal ou Italia.
Na década dos anos oitenta e noventa, a empresa abordou un plan de expansión e diversificación, ao elaborar os primeiros queixos de pasta dura ou barra e os semicurados de mestura de leite de vaca e nata de ovella. En 2015 lanzou dous novos produtos: o requeixo e o semicurado de vaca e leite de cabra. O queixo de teto, amparado pola D.O.P Queixo de Tetilla, tamén conta co selo de Galicia Calidade.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que vai sumando máis empresas e produtos. Na actualidade son máis de 300 produtos certificados e 72 empresas diferentes, cunha forte presenza no sector alimentario.