Maridaxe dos sentidos

Os asistentes ao ‘Maridaxe dos sentidos’ sorpréndense co potencial das Augardentes e os Licores de Galicia na coctelería e co sabor ao combinalos coa repostería tradicional de Melide

O Mercado de Abastos de Santiago acolleu a sesión de maridaxe organizada pola Asociación da Repostería Tradicional de Melide

Asociación da Repostería Tradicional de Melide (Melide Terra Doce) e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia ofreceron esta mañá unha completa sesión de Maridaxe dos Sentidos. Unha trintena de persoas acudiron a esta cita que se desenvolveu na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e na que se puido comprobar o potencial das Augardentes e os Licores de Galicia na coctelería e a súa excelente combinación cos melindres, ricos e amendoados melidenses.

A sesión, á que tamén acudiu o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, desenvolveuse baixo as explicacións do presidente de Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez; da integrante do panel de cata do Consello Regulador e Embaixadora do Melindre, Sonia Otero; e do barman Ángel Camiña. Rodríguez centrouse en ofrecer detalles sobre a elaboración e sabores dos melindres, ricos e amendoados, mentras que Otero detallou as principais características das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia, que se utilizaron para elaborar os cócteles. Camiña, pola súa banda, explicou e elaborou en directo as distintas propostas que se maridaron coa repostería melidense.

Así, a primeira delas foi o cóctel chamado Ao calor do anoitecer¸ unha elaboración con Augardente de Galicia envellecida que se combinou con melindres. O segundo leva por nome Un té do mar e entre os seus ingredientes integrou a Augardente de Herbas para despois degustarse co amendoado. Rematou a degustación cun Licor café de chocolate e laranxa, un cóctel máis doce, co Licor Café de Galicia como principal ingrediente, para maridar co rico.

Os asistentes amosaron a súa sorpresa coas maridaxes presentadas nesta primeira xornada das Maridaxe dos sentidos, e realizaron preguntas sobre a elaboración dos distintos produtos empregados na sesión. Entre eles atopábase a alcaldesa de Melide, Dalia García, e varios integrantes da súa corporación.

maridaxe_sentidos (2)

Produtos de calidade e con todas as garantías

Na súa intervención, o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, lembrou que este tipo de accións axudan a “facer visible a importancia de consumir produtos debidamente etiquetados, porque só estes teñen todas as garantías para o consumidor”. Á vez, advertiu sobre quen elabora e serve os mal chamados augardentes e licores caseiros: “estas bebidas non están reguladas nin superan os pertinentes controis de sanidade, polo que supoñen un perigo para a saúde”, lembrou.

 

Tamén na busca da autenticidade e da calidade se centrou o presidente da Asociación da Repostería Tradicional de Melide, Alberto Rodríguez, quen salientou que dende o colectivo “estamos a tramitar un selo de garantía propio para os nosos produtos”. Neste senso, coincidíu con José Antonio Feijóo á hora de reivindicar “o consumo de produtos de calidade e que garanticen a súa orixe”.

maridaxe_sentidos (4)

Degustación mañá

A Maridaxe dos Sentidos continuará mañá ás 11:30 horas no Mercado de Abastos de Santiago. Ofrecerase unha degustación gratuíta de melindres elaborados polos produtores da Asociación da Repostería Tradicional.